miércoles, noviembre 25, 2015

25 de novembro, DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES


A Sociedade formámola todas e todos, nenas e nenos, mulleres e homes... E a todos nos corresponde traballar por mellorala.

Non podemos deixar pasar unha día coma o de hoxe sen poñer o noso gran de area, sen berrarlle á sociedade  a necesidade de RESPECTO

Por todas as mulleres que cada día perden a vida a mans dos que algún día lles xuraron amalas, por todas as adolescentes que confunden o amor coa submisión, por todas as nenas que hoxe xogan felices nos patios das nosas escolas, para que medren en equilibrio, sen medo de seren elas mesmas...

Esta mañá participamos na concentración silenciosa  e posterior gala de entrega  de premios do XIII Concurso de Cartel e Lema con motivo do DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES organizado polo CIM (Centro de Información ás Mulleres) do Concello de Bueu.

Nesta ocasión foi o alumnado de 5º o que asistiu para  acompañar a DENÍS IGLESIAS ESTÉVEZ e a CARMEN CASTRO RECAMÁN (galardonados co 1º Premio de Educación Primaria e unha Mención  Especial, respectivamente) e compartir con eles a ledicia dun momento tan especial.

Tamén nos alegra a entrega do primeiro premio, imaxe seleccionada para o cartel oficial, do deseño de MARTA NOGUEIRA PASTORIZA, alumna de 3º de ESO do IES Johan Carballeira e exalumna do noso centro. 

Desde a organización do certame agradeceuse a todos os centros educativos, tanto a alta participación, como a calidade dos traballos presentados.

Parabéns a todas e todos os gañadores, por un futuro sen violencia!

domingo, noviembre 01, 2015

SAMAÍN 2015



Como non podía ser doutra maneira, tamén chegou o Samaín!
E igual que cada ano, a demostración de creatividade da nosa rapazada e das súas familias deixounos pampos! Cabazas interestelares do máis abraiantes poboaron o recibidor da escola toda a semana!



















Nas clases compuxemos conxuros cósmicos cargados de humor e de maxia para engadir nun mural que Ami, Geli e as demais profes do Equipo de Dinamización Lingüística montaron no vestíbulo do cole. Quedou impresionante!


Ao longo da mañá do xoves, as aulas e os corredores enchéronse de meigas, vampiros e toda clase de espectros...!