lunes, octubre 27, 2014

O ANIVERSARIO DE PAPIRUS

   Como xa sabemos todos, o aniversario de Papirus é o 24 de outubro, día das bibliotecas escolares. Como se trata dun polbo moi viaxeiro, este ano non puido estar connosco pero contounos que quedou marabillado coas cidades polas que pasou e os seus museos. Por iso, pediunos que este curso demostraramos que somos uns verdadeiros artistas. Para motivarnos, invitou á profe Olalla para que nos contara un conto "O cadro máis bonito do mundo". Pasámolo moi ben! Aquí vos deixamos a sesión de contacontos.






       

domingo, octubre 26, 2014

DESCUBRE A NOSA REALIDADE!


O pasado venres, 24 de outubro, tivemos oportunidade de participar nunha actividade interesantísima. Baixamos á praza do Concello para ver unha exposición de fotos organizada pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR).
 
 
 
Tratábase dunha exposición moi peculiar. Caracterizábase pola combinación de varios elementos:

·      A SÚA FORMA E O SEU TAMAÑO. As fotos estaban dispostas nas caras de varios cubos xeométricos de gran tamaño colocados estratexicamente diante do Concello.

·      AS SÚAS PROTAGONISTAS. Todas elas presentaban diferentes situacións da vida diaria de mulleres con discapacidade ou con mobilidade reducida.

·      OS VERSOS. En cada un dos cubos, a poesía uníase ás imaxes pechando cada idea e invitando á reflexión, espertando conciencias.

·      O DINAMISMO. Contamos cunha guía de excepción que nos axudou a observar e “DESCUBRIR A NOSA REALIDADE” dunha forma activa e divertida, pero ao mesmo tempo, reflexiva. Ademais, soubemos que se trataba da psicóloga Hadriana Ordóñez Otero, autora dos versos que formaban parte da exposición (os autores das fotos son  Anxo Resúa Calo e Martín Pérez Fernández).
 
 
Foi unha actividade para medrar por dentro, para converternos en cidadáns e cidadás implicadas, para abrirmos os ollos a unha realidade invisible, o dobre desafío de ser muller e vivir cunha discapacidade física, superando barreiras ás que moitas veces hai que engadir contextos de violencia e maltrato físico e psicolóxico.

Noraboa ao Concello de Bueu e á Asociación de Mulleres  con Discapacidade de Galicia , ACADAR,  por esta iniciativa.